El Paraguas abre nova adega no Val do Avia

Bodegas El Paraguas elaborará os viños da colleita 2015 na nova propiedade elaboradora á que se mudou a empresa en Cenlle, moi preto de onde medran os viñedos.

O pasado 3 de xullo, Bodegas El Paraguas trasladouse a un novo almacén no mesmo Val do Avia do Ribeiro onde xa viñan traballando, no municipio de Cenlle. Unha oportunidade única que non puideron deixar pasar debido a varias razóns, aínda que a fundamental de todas foi a falta de espazo na adega dun dos socios, Felicisimo Pereira, onde viñan desenvolvendo os viños.

A segunda razón tamén foi importante, e é que a adega onde se elaboran os seus ribeiros da colleita 2015 dispón dun viñedo de 3 hectáreas rodeando a propiedade elaboradora ó estilo dos châteaux bordeleses. Se a isto sumamos as dúas hectáreas de outro solo arxiloso-granítico diferente do que veñen traballando para El Paraguas Atlántico e Fai un Sol de Carallo, situado en San Andres (anexo ao Cenlle), a adega completa un puzzle de viñedos de máis de seis hectáreas acollidas á D.O. Ribeiro.

En tódolos casos, a xoia da casa seguirá sendo a Viña La Cabrita, de 1,25 hectáreas, cultivada no municipio de Ribadavia, onde morre o río Avia nos brazos do río Miño. Un viñedo exemplar sito en socalcos, plantado con castes autóctonas e de propiedade da familia de Felicisimo Pereira dende fai varias xeracións. Unha viña replantada trala praga de filoxera en 1892, que supón un dos viñedos máis vellos de España.