El Paraguas Atlántico 2011 ve o seu primeiro raio de sol

“O proxecto vitivinícola máis esperado en Galicia en 2012” ou “a unión de dous dos mellores expoñentes do viño galego”… Son algúns dos comentarios que preceden á posta en escena desta iniciativa que lle presentamos. Bodegas El Paraguas nace grazas ao encontro de dúas figuras do panorama vitivinícola galego, o consultor Felicísimo Pereira e o bodegueiro Marcial Pita. O mellor enólogo de Galicia en 2011, segundo a asociación de sumilleres Gallaecia; e o home que situou ao tinto El Linze, en só dúas colleitas, como mellor viño de España; unen as súas forzas e a súa experiencia para producir un branco único, El Paraguas Atlántico.

Un viño elaborado na D.O. Ribeiro co triunvirato de grandes uvas autóctonas galegas: a treixadura, a albariño e a godello. O novo embaixador dos brancos galegos responde a unha filosofía elaboradora na que se incorporan as últimas tecnoloxías en vinificación ao servizo de viñedos de avanzada idade, nos que a intervención de Bodegas El Paraguas é mínima e sempre ao servizo da máxima calidade dos acios.

El Paraguas Atlántico é un viño cun prezo que rolda os 15 € en tendas especializadas, de limitada produción, tan só 6.000 botellas da excelente anada 2011; que pretende establecer unha nova senda vitivinícola para recuperar o esplendor que séculos atrás viviu o Ribeiro, un dos grandes viños brancos da historia mundial.